"O Concello ten que ter as paredes de cristal para ver o que hai dentro"

22/5/15

Entrevista:     EVENCIO FERRERO



Evencio Ferrero                      Marema para Diario de Bergantiños
Evencio Ferrero (Carballo, 1955), é un dos políticos nacionalistas con máis traxectoria en ﷯ Galicia. Dos seus case 60 anos leva 40 en política e 36 como líder e cabeza de lista do BNG de Carballo. É profesor de Matemáticas, de aí a súa obsesión polos números que se evidencia na mesa do seu despacho, chea de papeis con gráficos e táboas. Dende 2003 é alcalde de Carballo e espera seguir séndoo outros catro anos porque, asegura, segue con forzas para manterse á fronte do municipio.


Está na política dende hai 40 anos e leva doce como alcalde. Non se cansou? 
A verdade é que non. Cada un opta na súa vida por aquelas actividades que quere realizar cara aos demais. Ten en conta que formo parte dunha xeración que vimos como na nosa xuventude se foron destruíndo os verdadeiros símbolos de Carballo. Iso acelerou a miña conciencia, e ademais estabamos nun momento no que se ía producir o final da ditadura, de que había que traballar polo pobo onde decidimos vivir e onde nacemos. Despois tivemos a oportunidade de traballar por Carballo e de ir mellorando algún dos aspectos do concello e a verdade é que non me sinto canso porque vemos os avances.

As enquisas do partido danlles a maioría absoluta con once ou doce concelleiros. Son prudentes cos datos?
Sempre. Xa por unha cuestión persoal. De todos os xeitos  as enquisas teñen a satisfacción xa non só de facer proxección de voto de cara ao futuro, que iso é o que determinarán os cidadáns o próximo día 24, senón a valoración de líderes do gobernos e da oposición; e o certo é que os cinco primeiros da candidatura do BNG teñen mellor valoración que o mellor valorado do resto dos grupos, e iso é altamente satisfactorio.

Cre que o contrato de xestión da auga se tería aprobado se non fose ano electoral? 
Posiblemente. Hai que pensar que hai unha concesión e que polo tanto está dentro do marco ideolóxico dos que non o apoiaron. Comprendo e respecto o posicionamento do grupo socialista que foi inequívoco dende o primeiro momento. Agora, o resto dos grupos da oposición creo que lle tiveron vertixe a que fosemos capaces de sacar adiante unha concesión tan importante para o Concello de Carballo como o contrato da auga e só pensaron en tácticas electorais. 

Pero a posición do BNG é que os servizos teñen que ser de xestión pública. Onde se enmarca, entón, o goberno nacionalista de Carballo neste criterio?
Nós apostamos sen ningunha dúbida polos servizos públicos. Non obstante, Carballo ten que mirar sempre para si mesmo e ten que desenvolver as súas potencialidades e avaliar a capacidade que ten un Concello como o de Carballo para seguir xestionando determinados servizos para que sexan o máis eficiente posible e que se presten nas mellores condicións para os cidadáns. Polo tanto eu non creo neses modelos que son absolutamente lineais, e que isto non signifique ningunha heterodoxia pola miña parte. 

No caso do servizo de auga seguirán apostando pola concesión?
Nós valoraremos no caso do contrato da auga a concesión, que defendemos neste mandato, ou se temos que cambiar de estratexia, pero sempre será polas posibilidades de que os cidadáns teñan o mellor servizo posible e non exclusivamente por un asunto ideolóxico. 

No voso programa “Carballo 15-30” propoñen un modelo urbano que ten como eixo a humanización e os veciños pregúntanse que vai pasar co centro de Carballo no próximo mandato.
Neste momento estamos pendentes de que o Arcebispado manifeste a súa conformidade ao proxecto de humanización da rúa Martín Herrera, que xa está remitido e que teñen que informar eles. Tan pronto teñamos o visto bo do Arcebispado e da comisión mixta Igrexa-Xunta de Galicia, poderemos iniciar a contratación. Actuaremos tamén na rúa Desiderio Varela que xa está o proxecto feito de cando había a subvención do Ministerio de Fomento.

Tamén fala de estender a humanización aos barrios.
Si, o próximo mandato será o mandato dos barrios. Faremos actuacións que dignifiquen a vida nos barrios, cunha actuación importante no barrio do Chorís, pero tamén teremos que actuar no barrio das Flores e no da Milagrosa.

Que conclusións sacou o goberno da polémica suscitada polas obras da rúa Colón?
Nós defendemos que Carballo mellorou e que se nota esa mellora e é verdade que temos que aprender dos erros. Unha das conclusións que se sacou é que había que acondicionar os espazos de aparcadoiro, pois xa se fixo a incorporación de remanente para que a próxima corporación teña a facultade de acondicionar iso. 

E falouse moito da construcción do aparcadoiro.
Tamén é verdade que se volveu colocar sobre a mesa o debate o aparcadoiro na Praza do Concello e nós aí nos distanciamos porque pensamos que iso non é o mellor nin para o conxunto de Carballo nin para o comercio. Cando o desenvolvemento urbanístico dentro de varios lustros provoque que eses ámbitos urbanos pasen a ser utilizados como vivenda, evidentemente haberá que buscar esas necesarias alternativas, pero como primeiro paso o noso aparcadoiro sería en altura. 

Efectivamente, o teñen no programa. Pero, onde se fará? Canto custará? Será gratis? De pago?
Un aparcadoiro soterrado sempre terá que ser de pagamento. A nosa acción ten que estar moi pegada á realidade e á lei de sostibilidade para saber que pasos dar. O único seguro é que no próximo mandato non será necesario un aparcadoiro en altura.

Entón non saben onde podería situarse nin canto podería custar?
Temos unha idea e sería máis económico que un aparcadoiro soterrado. Estamos a pensar con toda claridade, aínda que insisto que non sería para este mandato, construílo nos soares de Rego da Balsa.

É dicir que comprarían algún dos terreos.
Ou permutariamos algúns deses espazos para que non fose oneroso para os intereses económicos do Concello e porque sairía máis económico que un aparcadoiro soterrado.

E por que non compran os terreos agora, vos asegurades de que non haberá desenvolvemento urbanístico e resolvedes o problema?
Eu creo que non é un problema real. De feito no San Martiño lévase 20 anos co aparcadoiro e seguimos gozando del sen adquisición de chan.

Outro tema polémico neste mandato foi a posta en dúbida da limpeza das contratacións.
O tema de persoal está tremendamente encorsetado polas imposibilidades que ten a administración de contratar. É certo que temos que ir poñendo orde, pouco a pouco, en todas estas cuestións, como tamén hai que poñer orde no tema da facturación. No Concello de Carballo entran sobre seis mil facturas cada ano e os servizos de contratación son tremendamente esqueléticos, non teñen capacidade para ir sacando temas que son a xestión do día a día. Pero nós sempre actuamos baixo os principios de total honestidade e de transparencia absoluta, e sempre digo que o Concello ten que ter as paredes de cristal para ver o que hai, aínda con erros.

Sería quen de dicir algo bo e algo malo da actuación do goberno no último mandato?
Fomos capaces de mellorar Carballo sen necesidade de aplicar recortes en aspectos fundamentais. O mellor de todo, sen dúbida ningunha, é que a nova corporación vai ter un escenario económico municipal excelente.  O malo é que nalgúns dos aspectos, precisamente por ese raquitismo de determinados servizos como o de contratación, nalgúns  casos pillounos o touro e había obras que agora mesmo tiñan que estar contratadas e non fomos capaces de poder facelo. 

E da oposición?
Xa serán os cidadáns os que valoren. Creo que hai dous períodos diferenciados. Os primeiros tres anos e medio onde, dende as diferenzas ideolóxicas, non se trasladou crispación ao salón de plenos e xa os últimos meses onde si se intentou tensar moito máis a vida municipal. E o bo é que aínda con esas circunstancias en Carballo temos moito respecto polas persoas e todos sabemos diferenciar, sen ningún problema, que unha cuestión é os posicionamentos políticos e outra as relacións persoais, e as relacións persoais en Carballo son moi boas.

Como ve o BNG o Carballo do futuro?
Eu sigo vendo ese Carballo transformador, que é un referente na Costa da Morte e que vai ter enormes potencialidades pola localización que temos. Viuse que na oferta de Xestur de chan industrial Carballo foi o polígono que máis chan industrial se adxudicou de toda Galicia e, polo, tanto son moderadamente optimista. Se non o vise así de ben sería o momento de dar o paso para que entrase xente con máis forza pero un aínda ten forza para seguir traballando por Carballo e converter Carballo nese bo lugar para vivir.

Se non se dan os resultados que esperan nas municipais, estarían dispostos a pactar?
Haberá que valoralo. Eu espero que os resultados confirmen esa situación de goberno en exclusiva do BNG, aínda sendo un goberno en minoría como foi nestes catro anos. Sempre teremos que buscar un goberno estable,  e eu espero que os cidadáns nos dean ese goberno de maioría absoluta ao BNG, pero de non ser así teremos que seguir pensando que o noso aliado sería o Partido Socialista. De non o querer facer e habendo a posibilidade dun goberno alternativo entre o PP e TEGA, eu teño claro que ese goberno si que se chegaría a formar.

Pensa no retiro?
Se me presento a estas eleccións é porque teño esa ilusión e esas ganas de seguir traballando como no primeiro día. Cando me sinta canso ou cando non teña iso, haberá que pensar outras cuestións. 

É difícil pensar nun nome que o releve á fronte do BNG de Carballo.
Agora mesmo calquera dos cinco primeiros ten mellor valoración que o mellor valorado da oposición, co cal, temos esas posibilidades de relevo dende dentro. Pero tamén se pode mirar nas proximidades, ou mesmo en xente nova que é moi capaz e que poderían ser uns excelentes alcaldes para seguir levando a Carballo por ese bo camiño. 


"O asunto da taxa do lixo vivímolo con preocupación"


As mobilizacións dos veciños polo cobro da taxa do lixo ás vivendas baleiras marcaron a última parte do mandato.

Con respecto á taxa do lixo, tiveron en conta os casos nos que os veciños protestaban por que non a poden pagar?
É un tema que vivimos con preocupación e no que temos que actuar sobre todo con xustiza social. Se os servizos son universais todos temos que contribuír. Carballo apostou por unhas taxas baixas, e encontrámonos con que o lixo é altamente deficitario, xerando o ano pasado un déficit de 250.000 euros. Gobernar é decidir e decidimos que ese servizo cumpra o principio de que todos os servizos se teñen que autofinanciar, así que lle subimos a todos os cidadáns ou aplicamos un criterio de que cada un pague polo que teña. Nós optamos por ese último criterio recoñecendo que hai persoas que teñen esas varias vivendas con moito esforzo, coa suor que tiveron na emigración nese momento e que agora veñen peor dadas porque teñen dificultades para pagar eses varios recibos.

E que pasaría o próximo mandato co cobro ás vivendas baleiras?
Pois teremos que seguir valorando que facemos cos recibos e cos impostos municipais, partindo de que Carballo ten os impostos máis baixos para un Concello de máis de 20.000 habitantes e de que os servizos seguen sendo deficitarios. O noso criterio é que Carballo siga nesas taxas baixas de custo para os veciños.

Aceptaría o BNG unha proposta de modificación da ordenanza?
Sempre que esa modificación se axuste á legalidade contando con informes favorables dos técnicos municipais e que sexa un pouco máis equilibrado no que serían as cargas, nós traballaremos sempre en positivo.

Despois de máis de medio ano mobilizacións veciñais primeiro co tema da taxa do lixo e logo coa humanización da rúa Colón, cal é a súa valoración destes últimos meses de mandato? 
Os primeiros tres anos e medio de goberno foron de moita estabilidade, de asumir todos os retos de goberno que nos iamos marcando. Pero tamén é verdade que dende que finalizou o verán e entramos xa en antesala das eleccións se produciron moitos movementos. Son movementos alimentados politicamente porque as cousas non xurdiron de xeito espontáneo, non foi a sociedade a que se autorganizou en contra destes asuntos, senón que houbo grupos que estiveron a alimentar ese tipo de comportamentos. Nós como goberno sempre buscaremos o entendemento, o diálogo, porque temos que gobernar para todos. Pero ben é certo que o vivido os últimos seis meses reforza a necesidade de que Carballo teña un goberno de maioría absoluta. 
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...