"O desenvolvemento de Carballo pasa por ter industria e emprego"

19/5/15

ENTREVISTA:     MARI CARMEN VILA


Mari Carmen Vila           Marema para Diario de Bergantiños
﷯Mari Carmen Vila (Cambre de Loutoño, Malpica, 1967) é a primeira muller que se pon á fronte do Partido Socialista de Carballo para intentar conseguir a alcaldía. Cre firmemente no ADN do partido “que son as persoas e os dereitos das persoas” e é unha fiel defensora do estado de benestar. O seu compromiso cos carballeses é “facer, facer e facer, con honradez e transparencia”.


Asume a candidatura nun momento difícil para o Partido Socialista.
Non estamos a pasar polo noso mellor momento e hai catro anos pasamos por un moito peor. Eu sempre crin neste partido, nos valores que quere transmitir, independentemente dos problemas que haxa arredor ou das corrupcións, e teño a convicción absoluta de que terá que remontar, e eu tamén quero achegar o meu granito de area e fágoo con moita ilusión. 

Ademais é a primeira muller socialista que opta á alcaldía de Carballo.
Efectivamente. E para min é un motivo de orgullo. As mulleres sempre tivemos un pequeno handicap: a familia pesa moito. Iso fixo que sempre traballásemos coa mochila ao ombro e custounos máis, tal vez por problemas de dedicación, estar nos primeiros postos políticos. Tamén é certo que tal vez aos homes lles custou máis traballo deixarnos un oco, polo cal estou dobremente satisfeita nese sentido, e espero que detrás de min veñan máis.

E ter unha muller como alcaldesa de Carballo, por fin.
Gustaríame que houbese unha alcaldesa en Carballo, e máis se fose eu. (ri)

Presentades unha candidatura moi renovada.
Está moi renovada porque eu entendo que así ten que ser. Os partidos políticos temos visto que o estancamento e non ir ao mesmo ritmo que a sociedade nos trae consecuencias, porque a sociedade non se ve reflectida. A desafección que existe coa política e de non crer en nada fai que esteamos avocados a renovar. Na candidatura combínase a expericiencia co aire fresco e o espírito de traballo, de intentar facer algo polos demais. O ideal é tratar de reunir nun proxecto para gobernar unha cidade como Carballo a experiencia dos que levan máis tempo coa forza e ilusión do que están a chegar.

Entón, dentro desta repartición electoral, que ofrece este novo Partido Socialista aos carballeses?
Ofrecemos catro claves: traballo, ilusión, honradez e vocación de servizo. Con isto pódense facer moitas cousas e por iso o slogan do noso partido é “temos moito que dicir”. Porque aínda se poden facer moitas cousas simplemente con estes catro puntos.

Presentades 50 propostas dentro do programa. Cal destacaría?
O programa está estructurado en catro grupos. O primeiro sería o bo goberno, que é o que che dá o traballo, o impulso e os beneficios para poder investir no segundo que é de desenvolvemento sostible, que tamén che vai dar os recursos suficientes para ir ao terceiro que é o estado de benestar e a un cuarto punto, que é o rural. Mais coa situación que estamos a vivir, destacaría o terceiro. É certo que o benestar é o máis difícil de optimizar por falta de recursos e por iso eu incido nos dous anteriores: imos facer unha boa xestión para poder axudar aos nosos veciños que pasan por moitas dificultades porque o labor fundamental é priorizar as persoas. En todo caso, se nós gobernásemos Carballo, o esforzo máis grande que se fixera sería para manter as prestacións sociais aos veciños.

Defendedes a xestión pública dos servizos básicos, como o da auga. Iso quere dicir que se o contrato da auga volve ao pleno non o apoiará?
Con todo o que pasou coa crise cremos que a Administración pública hai certas cousas que non pode deixar. Unha delas é os servizos esenciais, entre eles a auga. Eu non digo que estea mal feito un contrato de concesión, pero si que os gobernos deben intentar que o básico estea en man pública. Se o goberno local non ten posibilidade de volver rescatar a auga, haberá que mirar unha segunda vía como a concesión, pero hai que facer un esforzo para tratar de conseguilo.

No programa di que se valorará  a construción dun aparcadoiro soterrado na praza, pero vostede mesma defendeu que esa non era a única opción para resolver o problema dos aparcamentos no centro.
Sabemos que a solución pasa por un aparcadoiro de proximidade. Non ten que ser precisamente onde o sitúan os demais e tampouco ten que ser un macro aparcadoiro ou soterrado. Pero o que está claro é que temos un problema serio e importante e que o acondicionamento dos aparcadoiros periféricos á zona comercial chega tarde. Entón hai que dar unha solución a medio e longo prazo e neste tema un non se pode durmir e dicir: xa o miraremos. Hai que miralo xa e darlle unha viabilidade aos comerciantes. Estamos obrigados a buscar unha solución e facer un esforzo e chegar a conseguir o mellor para todos. É unha cuestión de vontade e de presupostos.

Sodes os únicos que reivindicades un novo colexio en Carballo. Onde se situaría?
A zona estaría determinada polos empadroamentos de familias novas. Hai que ter en conta que agora mesmo temos unha dobre proxección: do rural cara ao urbano e dende outros concellos cara a Carballo e adoitan ser familias novas, polo que o problema se vai encistar. Está claro que o colexio fai falta. 

Ben, son evidentes os problemas de escolarización todos os anos.
Efectivamente. Porque co problema da escolarización que hai todos os anos lle estamos a pasar a carga da xestión aos pais que empezan a mobilizarse cando ven que os seus fillos non teñen praza no colexio. Pero esta xestión non é dos pais, eles o único que ten que facer é escolarizar os seus fillos. É xestión da administración que non está a facer ben o seu traballo. E non me vale que o Concello me diga que non ten competencia, porque os veciños son a súa competencia e o goberno de Carballo ten a obriga de sentarse todos os días e pelexar polos seus veciños. 

Defendedes, ademais do urbano, a proxección do rural.
É que nós, Galicia, sen o rural non somos ninguén. Temos que facer unha aposta moi forte por calidade de vida, por futuro, por medios económico, por explotacións forestais, agricultura, gandaría. É unha materia pendente. 

Tamén criticades os poucos investimentos deste mandato nas parroquias?
É que dá a sensación que dende que o Partido Socialista deixou de formar parte do goberno municipal non hai unha proxección tan ampla do medio rural. Gobernando o PSOE co BNG fixéronse catro centros sociais. Estes anos non se fixo nin se reformou ningún. Hai como un desleixo nese sentido. Os veciños se queixan do estado das pistas, sacáronlle focos, quéixanse da limpeza das cunetas... O que non se pode permitir é que todo estea concentrado no urbano e haxa un desleixo no rural, porque mesmo no rural hai un primeiro nivel e un segundo nivel. Porque hai parroquias que están más ou menos atendidas e outras non.

Que necesita Carballo para o futuro? 
Está claro. Un novo colexio, a gardaría xa está a quedar pequena, un novo centro de saúde. Podemos empezar por aí. Desenvolver o polígono industrial tamén é outra materia pendente.  Antes non tiñamos polígono e non podiamos competir e agora si o temos e con todos os servizos, entón, compitamos . E como o prezo do chan non o pon o Concello, imos competir noutras cousas. Porque se queremos tender a ser urbe, o desenvolvemento de Carballo pasa, necesariamente, por ter industria e emprego. Todo o demais vén aparellado na calidade de vida que encontran os cidadáns vivindo en Carballo e temos que manter iso nuns niveis máis que aceptables para que a xente veña a vivir ao concello. 


"O PSOE non facilitaría un goberno de dereitas no Concello"

A candidata asegura que para un posible pacto escoitaría a opinión da militancia .

Estaría disposta a pacta e facer caso a un posible convite do BNG se non consegue a maioría absoluta ou tomaría a mesma decisión que José Antonio Viña de manterse na oposición? 
Eu non quero falar de ningún tipo de pacto e se o fago sería despois do 24 de maio. En todo caso, somos un partido de esquerdas e se temos que dar a gobernabilidade a un partido que non fosemos nós mesmos, temos que deixar claro que o Partido Socialista non facilitaría un goberno de dereitas no Concello. Eu non podo apoiar un partido que cruzou cos recortes as liñas vermellas que o meu partido non quere traspasar de ningún xeito. 

E con Manuel Andrade?
Con Manuel Andrade custaríanos entendernos a título persoal, porque eu non son unha muller de palla, en ningún dos sentidos. É un home moi traballador, pero eu non creo en obras faraónicas, senón no día a día, no traballo. 

Diga algo bo e algo malo da actuación do goberno municipal no último mandato, na súa opinión.
O malo é a falta de ilusión ou de estima co medio rural. Á vista está. Dá a sensación de que ao goberno municipal o que lle faltou nestes catro anos é impulso. Non se fixo nada máis que humanizar un par de rúas, contratar a iluminación e o lixo. Que se fixo no rural? Fíxose algún centro social? Algunha liña máis de saneamento? Dá a sensación de que lles falta esas ganas de traballar, de esgotamento, de non seguir ao mesmo ritmo. 

E o bo? 
Intentar manter nun nivel decente os servizos a terceiros: a axuda a domicilio, o benestar da terceira idade. Poderíase facer máis? Seguramente. Eu é que penso que hai que priorizar iso. Intentou manter as políticas sociais, que eu penso que son fundamentais. É unha liña vermella que non se pode traspasar e o que ten de bo este goberno municipal  é que non a traspasou.

E do labor da oposición que pode dicir? 
Tería que dicir moito. Normalmente as críticas aos gobernos teñen que ser construtivas. O que non se pode é o non polo non, ou por figurar ou por saír na prensa. Se ti es oposición tes dous labores fundamentais: a primeira: fiscalizar o goberno. E eu creo que a fiscalización que tivo o goberno foi máis ben para sair aquel día de pleno na prensa, e pouco máis. O segundo labor é presentar iniciativas. Onde están as iniciativas? Houbo unha iniciativa conxunta do aparcadoiro e pouco máis, que sexan destacables. Nestes catro anos a primeira cumpriuna regularmente e a segunda eu creo que non a cumpriu. Co cal fixeron un traballo pobre.

Cre que houbo oportunismo político nas mobilizacións cidadás dos últimos meses. 
Absolutamente. Este último ano, a medida que se achegaban as eleccións, todo o mundo aproveita.


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...