"Dez anos son suficientes para que un político desenvolva o seu proxecto"

21/5/15

Entrevista:    MIGUEL FERREIRO


Miguel Ferreiro                           Marema para Diario de Bergantiños
Miguel Ferreiro (Carballo, 1965). Avogado. Aínda que  sempre estivo vinculado ao Partido Popular﷯ non foi ata hai catro anos, nas municipais de 2011, que decidiu dar o salto á primeira liña política como número dous da lista do PP carballés. Dende hai dous anos, tras a retirada de Alberto Sueiro, lidera a formación conservadora carballesa e exerce de voceiro do partido na corporación. Está convencido que dende a política “se poden facer cousas boas”, tal e como fixo o seu pai na súa época de concelleiro durante o goberno de Jacinto Amigo Lera “Chinto”.

No concello sorprendeu moito a lista que presentan ás municipais. A que se debe unha renovación tan profunda? 
Non hai unha renovación tan profunda. O que se fixo foi achegar aos primeiros postos a case todos os que obtiveron hai catro anos bos resultados nas súas parroquias, e dado que xa teñen unha idade de asumir máis responsabilidades, é o momento de apostar por eles. En segundo lugar, cremos que non se deben duplicar cargos, polo que tanto Marga (Varela) coma Aurelio (Núñez) van colaborar igual, pero centrados no Congreso e no Parlamento galego. Tamén somos conscientes de que o Partido Popular tiña certo problema coa xuventude polo mal visto que están os políticos, e por iso intentei configurar un grupo para o futuro e nesa segunda parte da lista apostei pola xuventude. 

Pero non perde peso político a lista ao apartar dos primeiros postos a un deputado autonómico ou a Marga Varela que está no Congreso? 
O do peso político sempre é moi relativo porque unha persoa con 30 anos pode ter moito peso político na parroquia e outro con 60 anos, non telo. Toda a xente que decidín que asumise responsabilidades xa demostrou que na súa parroquia fixeran un bo traballo e a única forma de adquirir experiencia é dándolles responsabilidade. 

Entón é dos que pensa que é preciso un relevo xeracional na política.
Non creo que o mellor para a evolución política do Concello de Carballo sexa que as mesmas persoas que levan 36 anos en política, como Evencio ou Andrade, sigan en política. Veríao ben se considerase que en Carballo se están a facer ben as cousas, se fose un referente político a nivel provincial ou que os indicadores económicos fosen favorables, pero é todo o contrario. Ademais, son un firme defensor da temporalidade na política e dáme a impresión de que todos din que si pero seguen ata o final. Cada un debe ter a súa profesión e eu creo que dez anos son suficientes para que un político desenvolva o seu proxecto e penso que ninguén debe estar 36 anos na política, porque se van creando hábitos desaconsellables e no Concello se están a crear.

Por exemplo? 
Estanse a dar uns malos hábitos á hora de contratar a dedo. Iso vai en detrimento da transparencia que debe primar no Concello, e sobre todo nesta época na que os políticos son máis defenestrados pola poboación, todos temos que facer un grande exercicio de transparencia. En prol de logralo nós xa anunciamos que se gobernamos todas as empresas de Carballo e os comercios, do tipo que sexa, incluiranse nun rexistro e cada vez que o Concello gaste un só euro comunicaráselles por se queren facer algunha oferta e a mellor oferta é a que se levará o contrato. 

A diferenza doutros programas electorais, no PP son bastante concisos en obras, só poñen o aparcadoiro ou o plan de mantemento das vías.
Loxicamente facemos unha previsión xeral e cada parroquia ten as súas obras máis necesarias que explicamos en cada mitin. 

Que  precisan as parroquias?
Nas parroquias fundamentalmente son necesarias catro cousas para que se sintan atendidos: ter unha correcta iluminación, ter nun estado decente os viais municipais, ter un saneamento axeitado e, por último, ter un local social onde poidan desenvolver as súas actividades. Esas catro cousas que consideramos básicas están a ser desatendidas por este goberno e, con razón, os veciños están descontentos porque os poucos investimentos que fai este goberno os concentra no centro, que é onde ten o seu nicho de votos.

Xa que fala do centro, en caso de acceder á alcaldía, continuarían cos plans de humanización actuais?
Nós non estamos en contra da humanización. A cuestión é que hai que tomar unha serie de medidas consensuadas coa xente ás que lles afecta negativamente a humanización. Non podemos esquecer o comercio porque é do que vive Carballo, e calquera decisión que se tome debe ser dando solucións ao comercio e tamén a un Carballo máis bonito. É compatible consensuar os intereses de todos e se quitan os aparcadoiros teñen que crear outros de proximidade.

E esa solución pasaría necesariamente por un aparcadoiro soterrado?
Non. Habería que buscar aquela opción que fose mellor para todos. Hai moitas. O que si está claro é que hai que darlle unha solución aos aparcadoiros de proximidade. Dende o noso punto de vista pensamos que unha opción boa sería un aparcadoiro nunha zona da praza, sen tocar o xardín. Pero tampouco nos pechamos en banda para examinar se é factible un aparcadoiro en altura. O certo é que hai que afrontar unha obra dura e non optar polo doado que é facer obras de estética como a da rúa Colón.

Como baixarán o gasto corrente sen minorar os servizos que ofrece o Concello?
Habería que facer unha auditoría completa para ver onde deberiamos reducir todos os gastos correntes e intentariamos cambiar a tendencia de aumentar o gasto e reducir o investimento .

Tamén falan de conxelar as taxas e os impostos. Non restaría forza económica ao concello? Como o afrontariades? 
Primeiro, baixando o gasto corrente. O incremento do que se recada é proporcional ao do gasto corrente. A taxa do lixo no rural aumentou o dobre ou están a pagar as vivendas desocupadas. Nese caso, se entramos no goberno, modificariamos esa ordenanza de forma consensuada cos afectados e entendo que o camiño sería o que eles propoñen, que é pagar un mínimo.

Entón xa non defenden que se vincule o pagamento á ocupación da vivenda?
A nosa postura inequivocamente é vincular a taxa á ocupación. En prol dun consenso, poderíase establecer un mínimo para as vivendas desocupadas.

Como promoverían dende o Partido Popular o polígono de Bértoa?
Acudindo aos foros empresariais, poñéndonos en contacto con empresas para dicirlles que temos unhas magníficas instalacións, un polígono dotado de todos os servizos, nunha zona moi próxima ao porto exterior. En definitiva, intentar captar aos proxectos empresariais para que se instalen aquí en Carballo, porque esa sería unha das prioridades que tería que asumir este goberno e sería a fonte necesaria de riqueza e de creación de emprego para a bisbarra. Algo que non se fixo en todos estes anos.

Que resultado prognostican as enquisas que manexan dentro do Partido Popular?
Dinnos que vai haber un empate entre o actual goberno e nós. Dannos entre oito e nove concelleiros e ao Bloque tamén. É dicir que nós subimos e o Bloque baixa.

No caso de que estas enquisas que manexan non se cumpran, e o Partido Popular sufra un revés electoral, consideraría dimitir?
Neste momento non me podo formular consecuencias de algo que é unha hipótese. O día 24 teremos a oportunidade de coñecer a opinión dos carballeses e unha vez que saibamos a realidade, obraremos en consecuencia.

As súas enquisas internas prevén que non se alcanzaría a maioría absoluta na corporación. Pactaría?
Non. O futuro de Carballo non pode ser Andrade, nin Evencio, nin pode ser Lois Lamas ou Pallas. Eles son o pasado. Xente que leva 36 anos en política e só contribuíron a colocar a Carballo no vagón de cola das vilas galegas. Agora veñen novos tempos e eses novos tempos piden novas formas de facer política e mentres eu estea á fronte do Partido Popular non imos estar no mercado. Non imos negociar nada.

Pero cun empate técnico terían que negociar para chegar á alcaldía ou renunciar a ela.
Non faremos pactos. Se conseguimos ter unha maioría suficiente para gobernar o pobo, gobernarémolo. Pero non imos entrar en pactos coa única finalidade de alcanzar o goberno de Carballo, iso téñoo moi claro. Non vou facer pactos que me impliquen renunciar ao que consideramos que debe ser a política de futuro, e nos dá a impresión de que tanto na xente coma nas formas Evencio e Andrade non representan o futuro. Non todo vale para alcanzar o goberno.

Diga algo bo e algo malo que fixese o actual goberno nacionalista nestes catro anos.
Bo, nada. Nestes catro anos eu diría que todo foi malo e ás probas me remito. Os indicadores económicos din que estamos no vagón de cola. Subiron os impostos e o gasto corrente. Os investimentos reducíronse, cando debería ser ao revés. Todas as xestións que fan teñen problemas. O único que hai como proxecto de futuro de Carballo é regalar paraugas.

E do traballo da oposición, que valoración fai?
O fundamental para min, cos nosos acertos e os nosos erros, é actuar sempre con honradez e intentando facelo o mellor posible. Se iso é así, con independencia do resultado, todas as cousas que fixemos están ben feitas. Todo o fixemos con transparencia e honradez.

Sorprendeu que Núñez Feijóo non pasase por Carballo no que vai de campaña.
O presidente debe estar onde o partido se está a xogar a Deputación, e en Carballo non se a está a xogar, como pasou nas anteriores municipais. En todo momento trasladou as súas ganas e desexos de vir a Carballo, pero obviamente ten que pensar no que é mellor para o partido e o mellor é que estea en todos aqueles pobos nos que o partido se está a xogar a vitoria na Deputación.  


“Un imputado debe ser apartado da política se hai evidencia clara de delito” 


Fala que dende a política se poden facer moitas cousas boas, pero a cidadanía percibe todo o contrario, sobre todo no caso do PP que está moi manchado a nivel nacional. Non é o peor momento para ser candidato do Partido Popular? 
Agora é o momento máis difícil para entrar en política, pero tamén creo que é agora cando se debe dar un paso á fronte. En todos os partidos neste momento hai xente que ao mellor non está en política de forma altruísta, senón para lucrarse. E é a esa xente a que temos que limpar e apartala da política e niso temos responsabilidade todos e a todos os niveis.

Cre que a mala imaxe que está a dar o partido a nivel nacional influirá nas municipais deste domingo?
 Home, unha influencia si que a vai sufrir o partido. Pero entendo que nas municipais o que prima máis é a persoa, e a porcentaxe de influencia que podería ter calquera partido é menor que nunhas eleccións  xenerais ou autonómicas.

Que opina das listas electorais nas que hai persoas imputadas? 
Pola miña profesión tocoume defender moita xente e en moitos casos xa se vía que as acusacións tiñan pouca consistencia. Noutros casos xa hai unhas evidencias claras que cometeron un delito. Polo tanto, dicir que unha persoa por ser imputada xa debe apartarse da política, paréceme que non é o correcto. O correcto é analizar caso por caso, de que delito se trata, cales son as probas e se hai unhas evidencias claras a esa persoa dende o principio débeselle apartar da política. Pero hai outros supostos onde unha persoa pode estar imputada, pero nin están claros os feitos, nin que estes sexan delitivos. Neses supostos non me parece ben cortar a carreira política dunha persoa. 

Entón cre que onde hai evidencias claras de que houbo un delito, esa persoa debe ser apartada da política.
Onde haxa evidencias claras de que se cometeu un delito e hai probas abondo diso, non hai que esperar a un auto de apertura de xuízo oral nin de acusación. Esa persoa debe apartarse da política.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...