ENTREVISTA: MANUEL ANDRADE
![]() |
| Manuel Andrade Marema para Diario de Bergantiños |
Manuel Andrade (Carballo, 1940) cumpre o día das eleccións 75 anos. Leva case a metade da súa vida como concelleiro da corporación –“dende que se inaugurou a democracia”–cunha pausa de dez anos nos que estivo en Madrid como presidente da Federación Española de Caza. Comerciante xubilado, pensa que quen sexa alcalde ten que “pensar como empresario” para traer o municipio entre cinco e dez millóns anuais doutras institucións.
¿Tantos anos en política non cansan?
Un está canso de moitas cousas, pero a política non me supón gran problema estando xubilado. Antes compatibilizaba o meu traballo e as miñas actividades nas asociacións de cazadores coa política, e era máis complicado. Agora non porque estou xubilado e só dedícome á política. Por iso mentres a saúde me acompañe estou a disposición e seguindo eses ideais nos que un cre para Carballo.
Sorprendeu moito a fichaxe de José Bello Pallas e que teña tanto protagonismo na campaña, mesmo aparecendo nos carteis.
Ben, pareceunos oportuno incluílo na lista. Nun principio ía de número tres pero pediulle á concelleira Estefanía Canosa que lle cedese o número dous. El despois ten ese ego persoal, sobre o que prefiro non comentar, e pola súa conta puxo os carteis pequenos coa súa imaxe. Non contabamos que o fixese e dixémosllo. Pero, ao final, a nós non nos importa que faga a publicidade que queira e se ten interese por saír non llo imos impedir porque non resta, senón que suma para a campaña.
¿Entón Pallas non é o seu relevo á fronte de Terra Galega?
Non. Son vicepresidente do partido a nivel xeral e representante para a bisbarra e non teño dúbidas nese aspecto. Cando chegue o momento verase pero, sinceramente, non vexo a Pallas como substituto.
Afirmades que o Bloque terá dous mil votos de castigo. ¿De onde sacades eses datos?
Temos a nosa enquisa de rúa, o boca a boca, e con ela auguro que imos sacar cinco concelleiros e non dous, como din outros. Mesmo hai algunha sorpresa que se pode dar unha vez que teñamos a análise definitiva da zona urbana, que se está a ver, porque xa non é o que era o Bloque no urbano e Carballo ten preparado dous mil votos de castigo para ir contra o goberno.
¿Castigo pola taxa de lixo e os aparcadoiros no centro?
E tamén polo tema da taxa da rede de sumidoiros que están a cobrar á xente.
Pero eses veciños que están afectados non necesariamente son votantes do BNG, poderían votar ao PP ou a vostede mesmo.
Pero imos poñer por caso que son 3.500 familias que recibiron a taxa do lixo. Desas poño simplemente que haxa mil afectados, que non son casas soas, senón cos seus habitantes, co que chega a dous mil afectados. Pero ademais velo na rúa. Eu vou ao barrio de San Cristóbal e din maioritariamente que non lle votan ao Bloque e o din coma se lle tivesen votado antes.
Ben, non negará que é unha enquisa bastante relativa.
Sería bastante relativa se falásemos dos 3.500 afectados. Pero se xa baixamos o nicho a 500 vivendas ás que lles pasaron o recibo, xa son 1.500 votos. Verémolo. A análise que estamos a facer di o contrario ao que di o BNG, pero tampouco quero alertalos. Que se dean o trompazo.
¿Cre que se a polémica do lixo e do aparcadoiro se tivese dado dous anos antes das eleccións, habería as mesmas mobilizacións?
Igual. É máis, xa teriamos ao goberno case machucado e teriamos tempo de demostralle que temos mellores ideas que eles. Porque é unha incongruencia e hai unha discriminación total.
E no próximo mandato ¿seguiredes loitando por cambiar a ordenanza da taxa da basura?
Sen dúbida. E se chego á alcaldía o primeiro decreto será anular esa ordenanza.
Propoñedes unha revisión parcial do PXOM, polo que votastes a favor, para incluír algunhas cousas, como o núcleo urbano en Arnados.
Hai que partir da idea que a nós nunca nos gustou o PXOM e creo que Terra Galega meteu 400 alegacións para ir compoñendo o PXOM ideal que necesita Carballo. Non obstante, aprobámolo por responsabilidade. Pero a pesar diso seguen habendo moitas lagoas como o urbanizable da Lagoa que debía estar previsto no plan, ao igual que o futuro aparcadoiro do centro de saúde e da Milagrosa. Tamén ten que estar o núcleo urbano de Razo que pasou a ser rural e iso non se pode permitir. Carballo ten que ter un desenvolvemento futuro e ese desenvolvemento está en Arnados, porque é o que demanda a poboación carballesa. Loxicamente tes que xogar coa conservación, pero non quitar o urbano que che permitía desenvolvementos posteriores, e pasar a núcleo rural que deixa un desenvolvemento menor.
Pero supoño que lle parecerá unha esaxeración querer converter Razo en Marbella, como apuntou Pallas.
Por suposto. Arnados está chamado a ser outra cousa diferente a Marbella. Está chamado a ser a segunda residencia dos carballeses, que será unifamiliar e harmonizada co medio. Iso é marbellizar? Non. É facer un núcleo urbano ao lado da praia e iso non se pode facer con núcleo rural porque non o permite a consolidación. Por iso o urbanizable de Razo require proxectalo sobre terreos lindantes, e se non podes achegarte á costa tes que demostrar o interese dese urbanizable. Non hai ningunha lei que impida facer un núcleo urbano en Arnados e non lle custa nada ao Concello. Só hai que programar, organizar e traballar, e isto non se está a facer.
Outro dos piares que ten o programa é o plan de emprego.
A min dóeme moito pensar que me vou xubilar de político e que a xente non comprenda este proxecto. Sabemos que hai millóns e millóns de euros dedicados a promoción de emprego en todos os gobernos de Europa e que non sabemos sacarlle proveito porque faltan proxectos.
¿E o seu proxecto cal sería? ¿Como se financiaría?
O noso proxecto sería de tres millóns de euros e financiaríase con fondos europeos, de fondos municipais e doutras administracións. En primeiro lugar, as empresas virían a Carballo porque se senten atraídas polas bonificacións. Estas bonificacións que teñen un prazo de amortización de dez anos aplicaríanse segundo o número de empregos, coa condición de que a metade dos empregados saian das listas do centro de emprego que vai ter o Concello e que se estarán a preparar no centro de formación permanente ademais de surtir o concello do que necesite: arranxo de beirarrúas, mantemento de bancos, ou outras cousa. Entre unha cousa e outra vas sacando do paro a 200 persoas. No que respecta ao comercio podemos optar a ter cen aperturas novas e xéranse outros 200 empregos.
No programa hai incluídas moitas obras pero a servizos sociais dedicádeslle moi pouco espazo.
O de servizos sociais desenvolveuno outra parte do equipo que están moi implicados e interesados e eu case non me atrevo a desenvolvelo. O que si che podo dicir é que en relación á creación de prazas de gardaría, dentro de pouco imos anunciar a creación dunha nova escola infantil en Carballo.
¿Onde a construirían esta gardaría?
No barrio de San Cristóbal. Onde daremos o mitin de peche de campaña.
Unha das cousas que pediu durante o último mandato é que se vos deixase participar e debater cousas como o POS, os contratos...
A min paréceme incrible. Eu non entendo que nun estado democrático estas cousas sucedan e que sucedan sendo gobernantes os do Bloque que eran os que máis demandaban esas cousas.
E se vostede chega á alcaldía, ¿terá en conta á oposición para estes asuntos?
Home, por suposto. Se eu chegou á alcaldía vou dar participación a todos, de xeito comedido, pero que participen todos. E non vou poñer problema se queren facer unha reunión no Concello, porque a lei di que se poden utilizar eses locais e que digan que o teño que solicitar por escrito, paréceme propio dunha ditadura e eu non sabía que o Bloque era un ditador. O que máis me chama a atención é que Evencio se deixe levar a eses terreos, porque me dá a impresión de que non é el o culpable, ou empezas a pensar que ten pel de cordeiro e deixa que outros mordan.
¿Pode dicir algo bo e algo malo que fixese o goberno?
Algo bo? Non o atopo. Considero que non fixo nada. De todas as mocións que presentamos non se materializou ningunha a pesar de que se aprobaron con maioría. Así que para min non fixo nada.
Logo, ¿todo foi malo?
Tampouco, porque non se fixo nada. Ao mellor o malo para min é encadrarse en non facer nada. Cualificaríao como un goberno inmóbil que quedou no pasado. Así que en Carballo quedamos ancorados no pasado.
¿E da oposición?
Dise que a oposición non aproba porque non fixo nada. Pero propuxemos moitas cousas e non vimos resposta ningunha. E chega un punto en que se fas algo te acusan de oportunismo político e o critican. Polo tanto de bo fixemos moi pouco, pero tampouco fixemos nada malo.
E que necesidades ten Carballo para o futuro?
Mobilidade. Un goberno que está inmóbil non é un goberno que favoreza a Carballo. E para min este goberno o peor dano que fixo é inmobilizar Carballo, o polígono, o Plan Xeral, moitas cousas.
Pactaría?
Con calquera para garantir que Carballo siga crecendo. Porque se en Carballo non hai maioría absoluta estamos obrigados a entendernos para gobernar.
É dicir que pactaría indiferentemente con PP ou co Bloque.
Eu teño que pactar cos que saian elixidos. Chámese Bloque ou PP, porque eu pactarei cos concelleiros elixidos esquecéndome das siglas, porque creo que o teño que facer por Carballo, por responsabilidade de goberno.
Pediría a alcaldía?
Iso é adiantarnos aos acontecementos, pero loxicamente temos a nosa formulación que sería de proxectos firmes. Cando pactamos co Bloque foi unha formulación de programa, sen someternos ás siglas, e despois falláronnos ao programa.
"O que chaman as obras faraónicas de Andrade son o futuro do concello"
Andrade asegura que unha das súas primeiras medidas se chega á alcaldía será empezar a xestionar un aparcadoiro subterráneo na praza que permita continuar co plan de humanización do centro que el inicio no ano 2003 e que tanta polémica creou nos últimos meses no municipio.
É un defensor acérrimo do aparcadoiro na Praza do Concello, pero no programa non inclúe un, senón tres aparcadoiros, ademais da cidade deportiva na Lagoa. Moitos poden ver o programa e pensar: Andrade persegue quimeras.
Hai quen fala das obras faraónicas de Andrade, pero esas obras son o futuro de Carballo e eu só necesito catro anos para facelo. Sóbranme. Pero hai que aclarar que cando falamos da cidade deportiva non falamos da construción, senón da planificación do urbanizable que se suprimiu do Plan Xeral. Este era un proxecto que estaba aprobado no 2005 e que presentamos aos veciños e que o Bloque levou no 2007 no seu programa, pero nunca se puxo como presuposto levantar a cidade deportiva, pero si planificarla. Por iso non hai tales obras faraónicas como din por aí.
¿E como construirá os tres aparcadoiros en catro anos?
Non dicimos que imos construír os tres aparcadoiros en catro anos, só que imos planificalos. O que imos construír se entramos no goberno é o da zona centro que é o que Carballo está a demandar que se faga para potenciar as feiras e o mercado, algo que agora non se está a facer.
E este aparcadoiro ¿canto custaría? ¿Será público ou de pago?
Este aparcadoiro custaría catro millóns de euros e, loxicamente, sería de pagamento. Porque nun principio tes que ter unha concesionaria que o faga e o Concello despois pódeo facer público. Tamén hai outras alternativas, como crear unha zona azul como hai nas rúas, pero o Concello xa tería que poñer tres millóns de euros. Ademais, os comerciantes tamén poden subvencionar tícket de desconto para os seus clientes.
¿Por que ten que ser necesariamente na praza e non, por exemplo, na Horta do Casino ou no Rego da Balsa?
Na Horta do Casino collen moi poucas prazas. Non caberían máis de 60 ou 80. E no Rego da Balsa os terreos son privados. Por que na praza? Porque a comodidade da feira obrígate a ter un aparcadoiro. Se queres ter unha feira que funcione tes que ter aí un aparcadoiro, porque se non tes accesibilidade a xente non vén a comprar a Carballo. Cal é o problema de facelo debaixo da praza, se tes o sitio e os terreos? O de non o facer é un capricho persoal de alguien.
