"Temos o que outros non teñen: honradez e humildade"

17/5/15

ENTREVISTA:    XESÚS DEUS


Xesús Deus                              Marema para Diario de Bergantiños
Xesús Deus (Entrecruces, 1967) é locutor de radio e actor,  ademais ﷯de xestionar un pequeno comercio no centro de Carballo coa súa muller. Defínese a si mesmo como "de aldea, e moi orgulloso". É a primeira a vez que se presenta como líder dun partido político ás municipais aínda que asegura que "levo sendo activista político toda a miña vida". Formou parte de varias organizacións políticas aínda que na actualidade milita e dirixe a representación municipal de Anova baixo as siglas de Son de Carballo.

Por que decidiu dar o paso de presentarse ás municipais en Carballo?
Porque ten que haber unha opción que mire polas necesidades do pobo. Sempre loitei para que as persoas sexan dignas e tamén porque hai que rematar co bipartidismo, que é un cancro neste país, porque tanto uns coma outros son para min do réxime herdado do franquismo, por imposición.

Pero en Carballo non hai bipartidismo.
En Carballo o PP e o PSOE son exactamente a mesma cousa, van estar mandados por Madrid. Non teñen soberanía neste país. Fan o que lles mandan. E se para iso temos que ser mandados dende Madrid, non van mirar polas necesidades da cidadanía.

Recórdolle que en Carballo goberna unha forza nacionalista de esquerdas, como vostedes.
O BNG tampouco vou dicir que fixo cousas malas. Fixo cousas boas, non todo o que fai é malo, pero hai outra forma de gobernar Carballo: escoitando á cidadanía, non facendo estruturas que non levan para ningún lado, porque iso é tirar os recursos que temos. Se fan cousas boas. En cultura, deporte e pola lingua fixeron un esforzo e en festas e romarías, "number one", o número un. Pero para nós o que nos importa é a xustiza social.

O das festas dio con certa ironía, supoño.
Van por ahi o tiros. Está ben que haxa diversión, pero mentres haxa unha persoa tirada na cama que non teña atención, mentres haxa un neno pasando fame e que haxa unha persoa sen fogar, a min as festas e as romarías me a repampinflan.

Entón, non cre que o goberno municipal fixese nada pola xustiza social?
Non é que non fixese, é que se pode facer máis. O que nós queremos achegar é que todas as persoas teñan dereito aos mesmos servizos básicos, os mínimos- Que se unha persoa non pode pagar polo que sexa luz, auga ou gas, que sexa o Concello o que a través de partidas llas pague. Que haxa un transporte público gratuíto para a xente que non pode pagalo. Que o municipio xestións os servizos de auga e transporte porque crearía postos de traballo e aforrariamos un montón de diñeiro que agora van parar a mans privadas.

Credes que hai que deixar de destinar diñeiro a obras e dedicalo a servizos sociais?
Para nós garantir os servizos básicos da cidadanía é o noso primeiro obxectivo. A partir de alí, todo o que sexa. Pero nós non imos ofrecer ás parroquias ou a ningún pobo as cousas que queremos facer, senón que ten que ser o pobo o que nos digan o que eles queren ou precisen nas parroquias. Sobre a base do que vostedes queren facer, nós faremos.

Que ofrece entón a candidatura de Son ao concello?
Temos o que os outros non teñen: honradez e humildade. Temos xente moi válida. Cando fixemos o grupo incidimos moito en aceptar un código ético e asinámolo todos. O código ético é fundamental. Todos teñen unha idea de esquerda nacionalista, de vocación de traballo polo pobo e de non enriquecemento: as contas claras e cada un, se houbese posibilidade, tería que dicir que patrimonio ten antes e despois de saír da corporación. Así rematariamos coas irregularidades nos contratos, os amiguísmos e caciquismo que hai no Concello.

Diga algo bo e algo malo da actuación do goberno municipal no último mandato.
Para min o goberno fixo moitas cousas boas en cultura, deporte ou pola lingua, pero para que o fixesen había que tiralos polas orellas, porque sós non saben facer nada. Teñen que ter presión social. Se ti os presionas, eles fan. Se lles levas firmas, eles fan. Pero se non, son como os burros: van cara diante sen mirar para os lados, quedan aí nas súas cadeiras, mirando á praza e veñaa gasto corrente. Despois dedican o 40% do POS a pagar gasto corrente e para as parroquias só o 60%. E así teñen as parroquias, esnaquisadas.

E da oposición
Todo o que podo dicir é malo. Porque que non fosen capaces de poñerse de acordo polo ben da cidadanía e cun concelleiro máis que o goberno, o di todo.

Se entrades na corporación e non hai maioría absolutas, estariades dispostos a pactar?
Non descartamos ningún tipo de pacto, pero sempre pensando no ben da cidadanía. Obviamente nin con PP nin con PSOE pactaría nunca, e con Terra Galega, menos. Se temos que chegar a acordos farémolo co BNG, pero sempre polo ben da cidadanía. Nós miramos o ben común.


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...